Saltar ao contido

Lenda de Gara e Jonay

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación de Gara e Jonay no Parque Nacional de Garajonay (La Gomera).

A Lenda de Gara e Jonay é unha das historias máis populares do folclore das Illas Canarias. As diferentes versións narran a historia entre a princesa Gara e o príncipe Jonay, dous guanches que acaban por se suicidar no Alto de Garajonay, na illa de La Gomera.

Considérase que a lenda é de orixe popular, parte do romanceiro tradicional de La Gomera. Mestura elementos da tradición oral da illa, de posíbel ascendencia guanche, con outros literarios, introducidos en épocas posteriores. A versión escrita máis antiga é do cronista tinerfeño Francisco Pedro Montes de Oca e García, orixinario de Puerto de la Cruz. Publicouna baixo o pseudónimo de El Barón de Imobach no diario Gaceta de Tenerife en 1924.

Décadas despois, investigadores como Juan Álvarez Delgado e Maximiano Trapero obtiveron outras versións da lenda, recollidas directamente de informantes da illa. Finalmente, escritores como José Manuel García y García de la Torre, Manuel Mora Morales e Sabas Martín difundiron a lenda polo arquipélago e déronlle un carácter máis literario.

Versión de Montes de Oca

[editar | editar a fonte]

Gara é unha rica princesa, viúva do rei gomero Undupe, que é pretendida por Jonay, príncipe do cantón de Hipalan. Este era fillo do cuñado de Gara, Alhogal, quen o tivo cunha escrava, polo que era causa de deshonra para a princesa. Decidido a casar con Gara, Jonay asiste á súa corte vestido de guerreiro e, cando quedan a soas, insístelle no casamento. Gara rexéitao, e Jonay ameaza con que o seu pai declararía a guerra se non houber matrimonio. Entón Gara dille que non ía acceder a mesturar o seu sangue co do fillo bastardo de Alhogal. Jonay, furioso, bate nela, polo que é apresado e condenado a perder a man. Porén, máis tarde a identidade de Jonay é revelada e ambos fican avergoñados. Gara insístelle a Jonay para que a acompañe ao cume, onde se dan morte mutuamente cuns punzóns de madeira.

[editar | editar a fonte]

Gara é princesa de La Gomera e Jonay (ou Ajonay), príncipe de Tenerife. Jonay nada até La Gomera utilizando varios odres de pel de cabra inchados como flotadores, pois ten o presentimento de que alí atopará o que desexa. Xa na illa descobre a existencia de Gara, pretendida por moitos, polo que decide coñecela. Atópaa e fálalle, mais ela rexéitao por non ser da súa caste, malia sentir tamén interese por el. Jonay volve intentalo e Gara rexéitao de novo, polo que o mozo, anoxado, bate nela. Un pastor ve a escena e avisa ao clan de Gara, quen capturan a Jonay e o condean a morte. A mañá seguinte, Gara libera a Jonay e foxen, perseguidos polo clan, quen os acaba asediando no cume da illa. Antes de que os prendan, os mozos suicídanse atravesando os corazóns con dardos de madeira.

Controversia

[editar | editar a fonte]

Hai controversia sobre a autenticidade da lenda. Case ningunha das fontes escritas onde se recolle ou se menciona son consideradas traballos etnográficos. Por contra, son máis ben obras de carácter literario. Modernamente, a lenda transcendeu desde a literatura mesmo até ámbitos científicos. Amais disto, os supostos nomes guanches, Gara e Jonay, serían antropónimos inventados. Derivarían do topónimo Garajonay, que na lingua aborixe bérber de La Gomera significa "roque alto".

Así mesmo, sábese que contra o século XV os pobos guanches descoñecían a navegación entre illas, polo que o contacto regular entre estas non era posíbel.

Os feitos que se describen datan dunha época prehispánica. Porén, a lenda ten a súa orixe na época hispánica. Talvez forme parte dunha tradición oral iniciada na época romántica, a finais do século XVIII ou máis probabelmente xa no século XIX. Foi neses tempos cando se popularizaron en Occidente os contos de amor sobre parellas de pobos primitivos de América ou Asia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]